Saltar menú

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Tacgal) é un órgano administrativo colexiado e especializado, adscrito á consellería competente en materia de facenda, que actúa con independencia funcional no exercicio das súas competencias para garantir a súa plena obxectividade. Comezou o seu funcionamento o 2 de abril de 2018.

Entre as súas funcións está o coñecemento e a resolución dos recursos especiais en materia de contratación, agora regulados na Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público. Tamén, no seu caso, das reclamacións previstas no Real Decreto-lei 3/2020, de 4 de febreiro, de medidas urxentes polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español diversas directivas da Unión Europea no ámbito da contratación pública en determinados sectores.

O eido de competencia deste Tribunal abrangue a Xunta de Galicia e as entidades do sector público autonómico que teñan a consideración de poder adxudicador. Tamén as entidades locais e as universidades públicas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e os entes, organismos e entidades vinculados ou dependentes destas que teñan a consideración de poder adxudicador. Igualmente respecto do Consello de Contas de Galicia, en base a convenio asinado a tal fin.

Esta web pretende mostrar toda a información de utilidade sobre o Tacgal. Destacamos que a través da mesma se ten acceso á presentación por medios electrónicos dos procedementos dos que é competente este Tribunal.

Tomás Otero Ferreiro, presidente do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia