Saltar menú

Competencias

Administracións públicas e entidades

Segundo o establecido polo art. 35 bis da Lei 14/2013, de 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, o ámbito de competencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia abarcará as seguintes administracións públicas e entidades:

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades do sector público autonómico que teñan a consideración de poder adxudicador.
  2. As universidades públicas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e os seus organismos ou entidades vinculados ou dependentes que teñan a consideración de poder adxudicador.
  3. As entidades locais do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e os seus entes, organismos e entidades vinculados ou dependentes que teñan a consideración de poder adxudicador.
  4. As entidades contratantes do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia recollidas no art. 3.1 da Lei 30/2007, de 30 de outubro, sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais.

A maiores, por convenio de colaboración asinado o 30 de xullo de 2018, dende tal data tamén asume as funcións aquí descritas respecto do Consello de Contas de Galicia.

Tipos de contratos

Nese ámbito, o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, de acordo ao previsto no art. 44.1 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público, exerce as súas competencias respecto os seguintes tipos de contratos:

  1. Contratos de obras cun valor estimado superior aos tres millóns de euros, e de subministración e servizos, que teña un valor estimado superior a cen mil euros.
  2. Acordos marco e sistemas dinámicos de adquisición que teñan por obxecto a celebración dalgún dos contratos tipificados na letra anterior, así como os contratos baseados en calquera deles.
  3. Concesións de obras ou de servizos cun valor estimado superior aos tres millóns de euros.

Serán igualmente recorribles os contratos administrativos especiais cando, polas súas características, non sexa posible fixar o seu prezo de licitación ou, noutro caso, cando o seu valor estimado sexa superior ao establecido para os contratos de servizos.

Tamén serán susceptibles de recurso especial en materia de contratación os contratos subvencionados aos que se refire o artigo 23, e os encargos cando, polas súas características, non sexa posible fixar o seu importe ou, noutro caso, cando este, atendida a súa duración total mais as prórrogas, sexa igual ou superior ao establecido para os contratos de servizos.

Actuacións

Respecto aos contratos sinalados, poderán ser recorribles as seguintes actuacións:

  1. Os anuncios de licitación, os pregos e os documentos contractuais que establezan as condicións que deban rexer a contratación.
  2. Os actos de trámite adoptados no procedemento de adxudicación, sempre que estes decidan directa ou indirectamente sobre a adxudicación, determinen a imposibilidade de continuar o procedemento ou produzan indefensión ou prexuízo irreparable aos dereitos ou intereses lexítimos. En todo caso, considerarase que concorren as circunstancias anteriores nos actos da mesa ou do órgano de contratación polos que se acorde a admisión ou inadmisión de candidatos ou licitadores, ou a admisión ou exclusión de ofertas, incluídas as ofertas que sexan excluídas por resultar anormalmente baixas como consecuencia da aplicación do artigo 149 da lei 9/2017.
  3. Os acordos de adxudicación.
  4. As modificacións baseadas no incumprimento do establecido nos artigos 204 e 205 da Lei 9/2017, por entender que a modificación debeu ser obxecto dunha nova adxudicación.
  5. A formalización de encargos a medios propios nos casos en que estes non cumpran os requisitos legais.
  6. Os acordos de rescate de concesións.